Tuesday 14 de May de 2024

A Deputación financia este ano 3.000 horas de servizo de axuda no fogar en Mesía


 

O Plan de Servizos Sociais Comunitarios permitirá ademáis que Mesía conte este ano cun técnico e un administrativo especializados na área social

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, reuniuse hoxe en Mesía co alcalde da localidade, Mariano Iglesias, para abordar fórmulas de colaboración e coordinación entre administracións que axuden a mellorar a atención social nos pequenos municipios, os máis afectados pola dispersión e envellecemento da poboación e con menores recursos técnicos e económicos.

Lamas explicou que Mesía (2.582 habitantes) recibirá este ano 75.679 euros do Plan de Servizos Sociais Comunitarios da Deputación para financiar a contratación dun técnico e un administrativo especializados na área social e un total de 2.973 horas de servizo de axuda no fogar.

“Sabemos que é unha axuda importante, pero tamén que os recursos nunca son suficiente. Por iso queremos coñecer a realidade e as necesidades concretas de cada municipio e ver como podemos mellorar xuntos as políticas sociais dos concellos coruñeses”, afirmou Ana Lamas, que destacou que a área de Benestar Social ofrece ademais outros servizos moi valorados pola cidadanía coma o de Teleasistencia, do que xa se benefician 13 veciños e veciñas de Mesía.

Pola súa banda, o alcalde de Mesía trasladou á deputada a necesidade de seguir mellorando os servizos sociais do municipio para achegalos a todos os veciños e veciñas que o precisen e solicitou que a Deputación estude apoiar economicamente o proxecto do goberno municipal de dotar a Mesía dun Punto de Atención á Infancia que facilite a conciliación laboral e familiar.